ESCRITORES, EDITORES E PROFESORES APOIAN O NECESÁRIO CONSENSOXan Carballa - Carme Vidal
O proceso comezou cunha primeira reunión celebrada en Maio do ano 2000 despois dunha convocatória da AS-PG ás distintas entidades. O daquela presidente, Alberte Ansede, actuou como moderador en todos os encontros que se ian prolongar por volta de ano e meio. Entre os participantes aprobouse como primeira medida un pacto de siléncio que Alberte Ansede quere seguir mantendo pero, despois de sair publicada en O Correo Galego a notícia do acordo, móstrase "surprendido dada a discrecionalidade coa que se levaron os debates co fin de criar unha situación cómoda para todas as partes. O proceso segue aberto pendente da aprobación da Académia pero, de ser materializado, a grande beneficiária será a língua galega". Engade o ex-presidente que "AS-PG dá por bo o acordo pensando sempre nun ben superior que é a normalización do idioma". Outro dos participantes nos encontros é o profesor da Universidade de Vigo, Henrique Costas, que emprega a normativa oficial e para quen "o acordo é moi importante e trae vantaxes para todos e porá fin a un atranco para a normalización lingüística". Ao seu ver, esta reforma servirá para que empreguen unha norma única todos aqueles que entenden o galego como "entidade autónoma dentro da área galego-portuguesa e que consideran, por exemplo, que cómpre recorrer ao portugués nos termos científicos. É un triunfo de todos os que loitamos para un uso social da língua" sinala. Unha vez superados os trámites legais, que pasan pola aprobación da Académia, Costas destaca a necesidade de impulsar a publicidade das vantaxes do acordo en todos os ámbitos sociais. Sen embargo, como a prática totalidade dos participantes consultados, mostrou precaución e vontade de continuar en siléncio, diante da posibilidade de que calquer movimento puidese malograr os bons resultados acadados. Emprazar á Académia
O presidente do Consello da Cultura, académico e escritor Carlos Casares alégrase de que os debates chegaran a bon fin. Desde 1999 defende publicamente a necesidade de reformar a normativa galega para achegala ao portugués. Tanto nun curso celebrado entón na Universidade Menéndez Pelayo como no encontro de escritores Trasatlántico, Casares propuxérase mesmo para servir de intermediário ás distintas partes. "Paréceme positivo que se falase de normativa sen paixón. Era un problema que parecia intocábel", aponta. Para o presidente do Consello da Cultura, "as entidades que o suscreben dan altura ao acordo e van levar a que a Académia teña que telo en consideración. A reforma está suficientemente avalada polos protagonistas no proceso". Entende Carlos Casares que serán os tres académicos implicados nos debates os que defenderán o texto na institución que debe aprobalo definitivamente, pero anúncia o seu apoio ao acordo e o seu voto favorábel no plenário no que se produza o debate. "Era unha débeda que habia que saldar, a división era un erro e o consenso unha necesidade" afirma Casares, partidário de que a normativa oficial se achegue ao portugués e animoso a ir mesmo "máis alá nesa integración". Tamén o escritor Suso de Toro -coordinador do encontro Trasatlántico no que unha manchea de autores defenderon a necesidade de reforma- foi protagonista de debates públicos nos que mostrou a sua opinión a favor dunha modificación da norma. Afirma agora, que cómpre "vontade política para que se desenvolva. O problema fundamental é o destino do galego e que esa língua estea en contacto co mundo e coa área á que pertence".
O presidente da Asociación de Escritores en Língua Galega, Xosé Maria Álvarez Cáccamo afirma que o consenso é "oportuno, o achegamento de posturas é correcto e desexábel". Sen deixar de facer constar as distintas sensibilidades dos membros da asociación que preside, sinala que "é xeral a consideración da urxéncia dunha normativa de consenso e urxe instar á Académia a que decida canto antes e inície os trámites para a aprobación das reformas". Tampouco quere, polo de agora e dada a urxéncia do momento, manifestarse a sua presidenta Fabiola Sotelo en calidade de representante máxima da Asociación Galega de Editores, pero, a título persoal, estima que é "positivo para as letras e a língua. Un paso adiante para o mundo editorial". Quítalle ferro a calquer opinión que fale de problemas na aplicación das reformas no mundo editorial xa que, ao seu ver, "a nivel popular pasa desapercibido e para as editoriais os custos non van ser grandes". | ||||
ANO E MEIO DE REUNIÓNS CON DOCE PARTICIPANTES
A iniciativa da AS-PG reuníanse por vez primeira en Maio do ano 2000 os representantes das tres universidades e do ILG co obxectivo marcado de chegar a unha normativa de consenso. Asistian ás reunións tres membros de cada entidade en calidade de representantes máis o daquela presidente da AS-PG, Alberte Ansede que actuaba en calidade de moderador sen participar nas discusións técnicas. As xuntanzas tiveron un claro carácter científico e, sen estar exentas de intensidade en determinados temas, gardaron sempre a lealdade aos fins fixados. Unha vez os doce participantes consensuaron as reformas, o texto pasou a unha comisión específica para a sua redacción final. Rematado o traballo, volveuse convocar unha nova reunión antes do verán á que asistiron o total dos participantes que puxeron a rúbrica ao escrito. O paso seguinte foi remitir o escrito as catro entidades para a sua aprobación. Até o momento os consellos dos departamentos das universidades da Coruña e Santiago xa lle deron o seu visto e prace ao igual que o ILG. Unha cuestión técnica retrasou a reunión do departamento da Universidade de Vigo que está prevista para despois do dia 15 de Setembro, data na que o seu director Henrique Costas regresará dun congreso en Amsterdam. Fixará entón a xuntanza da que se prevé un resultado satisfactório. O texto apresentarase entón á Académia Galega e todo fai indicar que serán os tres académicos participantes no proceso os que o defendan nos debates que se abrirán na institución presidida por Fernández del Riego, entidade que ten que dar a aprobación final á reforma por votación do seu plenário. O pacto de siléncio das partes implicadas dificulta o coñecimento das reformas que se apresentarán proximamente á Académia sen embargo trascenderon alguns dos cámbios. Mália que non se produce unha variación substancial si se notará na forma externa da língua, apreciábel xa na redacción da nova normativa, feito que marca o modelo a seguir. Por exemplo, a segunda forma do artigo non se emprega na redacción e pasa no texto a un posto secundarizado. Pola contra para a contración da preposición -a e o artigo emprégase a forma ao. Os signos de interrogación e exclamación pasan a usarse só ao fin. Considérase prioritária a terminación -aria (caso de libraria) e desaparece o c dos grupos ct e cc con vogais débiles, como en conduta ou ditado. As novas normas admitirán a terminación -bel no mesmo nível que a -ble e contemplan os remates en -zo (caso de aprezo)ou -za (en presenza) o que significa darlle lexitimidade a Galiza. En canto á semántica, pasarán a ser normativas formas como faculdade, dificuldade, estudo ou vogal. O comezo dos debates en Maio do ano 2000 coincidiu coa celebración dunha mesa redonda coas distintas partes no marco das X Xornadas de Língua e Literatura da CIG e a AS-PG. Participantes no proceso como Henrique Monteagudo, Xosé Ramón Freixeiro Mato ou Francisco Fernández Rei mostraron entón a sua disposición para sentar a falar e, sen se referir á convocatória da AS-PG que se ia levar en siléncio, afirmaron xa en público que, para os tres, o acordo normativo era posíbel. | ||||
Francisco Fernández del Riego:"A Académia decidirá por maioria pero todo o que sexa pacto debe ser celebrado" "Non debo pronunciarme, pero se se apresenta regulamentariamente unha proposta de académicos convocaranse as sesións de debate pertinentes e a Académia decidirá por maioria". Asi se pronúncia o presidente da RAG, Francisco Fernández del Riego, ao coñecer o acordo entre ILG, ASPG e as tres universidades galegas a prol dunha reforma ortográfica consensuada. Del Riego asegura que "pulir discrepáncias sempre é bon, porque o importante é ampliar a preséncia do galego en todos os ámbitos da sociedade e no ensino. Asentado o galego hai que estar abertos a todas as evolucións posíbeis. A Académia entendo que non debe ser obstáculo a nengun debate pero eu non debo pronunciarme persoalmente máis que no seo do próprio plenário. Todo o que sexa pacto e consenso paréceme ben". Para que se produza o debate na Académia a proposta debe ser apresentada por tres membros, e unha vez realizado un estudo prévio haberia que convocar diferentes sesións plenarias, que Del Riego considera que deben ser extraordinarios, para adoptar unha decisión. En todo caso se a proposta se realiza neses termos por membros da Académia é seguro que o proceso de debate interno se levará adiante. " Non seria no seo dunha Comisión específica onde se adoptara unha decisión desta índole. Isto ten que ser unha decisión do plenário da RAG " . asegurou a A Nosa Terra, Francisco Fernández del Riego. O presidente da Académia ten xa fixado o final do seu mandato para o vindeiro 27 de Novembro, ainda que asume que haberá un periodo no que exercerá en funcións até a eleición dun novo presidente. No seu mandato optou por promover unha nova dinámica na Académia. Houbo novas incorporacións e remataron por integrarse diversas persoas que tiñan pendente a pronúncia do seu discurso (Antón Santamarina, Ramón Lorenzo, Franco Grande, Paco Fernández Rei e Méndez Ferrin. Xohana Torres e Xosé Neira Vilas leran proximamente os seus discursos de entrada), até completar as vintesete persoas que actualmente forman parte da Real Académia Galega. | ||||